Delicias do Souto

Sobre nós

Delicias do Souto nace no ano 2006 no Courel co gallo de pór en valor a castaña e, ao mesmo tempo, mantermos vivos os soutos que forman parte da nosa paisaxe.

En Delicias do Souto elaboramos doces que teñen como ingrediente principal a castaña. No ano 2007 obtivemos o 3ºPremio AGADER pola transformación dun produto tradicional. Hoxe en día, somos unha empresa consolidada e con perspectivas de crecemento.

Os nosos doces están elaborados de forma artesán e sen usar ningún tipo de conservante, colorante ou aditivo artificial. A materia prima protagonista de todos eles é a castaña seca, tamén chamada pilonga, sendo empregada nunhas receitas cocida e noutras en fariña. As receitas están inspiradas na cociña popular galega.

O secado da castaña fai que sexa un produto natural cunha conservación moi longa. É un proceso sumamente importante que deixou pegadas no patrimonio cultural da serra. Os sequeiros son as construcións tradicionais de dous andares onde se realizaba esta deshidratación. A pisa é o traballo artesán onde se procede a quitar a pel da castaña seca empregando o bandoxo e o cepo. Estes son tan só dous exemplos da importancia da castaña na vida dos nosos antergos.

Os soutos son un dos hábitats máis característicos do Courel, acubillan e protexen as nosas aldeas. Alén da importancia paisaxística, teñen un enorme valor desde o punto de vista biolóxico: danlle cor á paisaxe aumentando o cromatismo do outono, absorben CO2, conservan e melloran o solo e a biodiversidade. No gran lume do verau do 2022 os soutos courelaos demostraron ser o mellor cortalumes.